Friday 10 de May de 2024

Apertura definitiva do túnel de Sol y Mar


Con máis retraso do previsto, os vehículos xa poden circular polo túnel construído en Sol y Mar. Queda pendente a rotonda superior e as melloras das rúas adxacentes solicitadas polo Concello, que completarán unha renovación total da zona.

Tras máis de 20 anos de demandas por parte do Goberno municipal, “hoxe tocoulle a lotería a Oleiros e a toda a comarca”, comentou o alcalde Ángel García Seoane. “Agora, que polo que vemos existe vontade política, agardamos que se inicie a obra de ampliación da ponte Pasaxe e de Alfonso Molina, para culminar os accesos á cidade”, dixo.

Coa apertura do túnel producirase un notable alivio do tráfico neste punto e no conxunto da localidade de Perillo. Esta mellora será maior cando se culmine a rotonda que dá acceso á rúa do Areal, para os vehículos que se dirixen cara Montrove-Oleiros-Sada.

O alcalde tamén lamentou a situación da vía Ártabra, paralizada totalmente neste momento. “A conselleira négase a recibirme e a informarme de cando vai retomarse esta obra. Paréceme indignante”, comentou Ángel García Seoane.